Retranca é hoxe sinónimo de humor galego, mais a retranca, ben mirada, non é humor nin ironía, nin moito menos burla. Quen a practica non tenta facer rir nin tampouco atacar a ninguén; só defenderse. Este ensaio tenta definir os límites dunha habelencia tan galega como cada vez máis rara, subliñando o seu carácter defensivo e a súa íntima relación coa cautela e a reserva, e diferenciándoa doutros conceptos máis ou menos afíns cos que é confundida ás veces, como a sorna, a ironía ou mesmo o sarcasmo.