Que é unha poeta? Como nace? Como é no colexio, na casa, na vida?
A través dunha conversa a tres bandas, Emma Pedreira e Laura Romero preséntannos a Xela Arias, poeta, tradutora, docente, letrista e, sobre todo, muller transgresora.
Poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións para recuperar e coñecer a figura dunha das nosas voces máis interesantes e, se cadra, máis descoñecidas da literatura.
Di Emma deste libro diferente e un pouco punk:
Non quero facer unha biografía ao uso. Quero falar dunha poeta, que podería ser outra, que podería ser ata eu mesma e non, é Xela e eu con Xela ou Xela en min e, por aí, ando debullando o íntimo dos seus versos nos meus.