A arte galega no contexto europeo dos anos trinta
Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta recolle
un conxunto de traballos dedicados ao desenvolvemento da pintura
do século pasado, con especial atención á produción do movemento
renovador da arte galega que traballa nos anos vinte, no período republicano,
na Guerra Civil e no exilio. Estúdase como a súa arte era
conscientemente presentada desde posturas que reafirmaban o carácter
conflitivo, denunciador da opresión ou reafirmador das imaxes,
desde criterios sociopolíticos alternativos ao discurso dominante que
deitaba o poder. Tiñan pois, un forte contido social e identitario, aparecendo
os labregos como clase subalterna mais tamén o proletariado e
o mundo fabril. As obras dos nosos pintores prodúcense, xa que logo,
desde un coñecemento do representado, elaborando un discurso que
non é alleo ao que se produce noutros lugares de Europa ?coas súas
singularidades- e en América, no contexto dos chamados ?realismo de
entreguerras?. A procura de raíces no pasado propio como fonte de
modernidade é unha das receitas; no caso galego é a inspiración na
arte popular e medieval, en especial a escultura esgrevia e granítica do
noso románico e barroco.
A recepción posterior tópica da nosa arte só se pode entender por
unha visión previa que le a produción galega desde un a priori que a
reduce a imaxe costumista. Cómpre, pois, pensar a tradición artística
desde nós. Pensar na lectura intencional do pasado máis tamén na
lectura presente desde a pura visualidade e desde a posición actual
da nosa nación, o que implica distintas posíbeis lecturas das imaxes,
desemellantes mais non incompatíbeis.