Título: IDEOLOXÍA E AUTONOMÍA NO CAMPO LITERARIO GALEGO
Autor: ANTÓN FIGUEROA LORENZANA
No rexurdimento da cultura galega a arte naceu con responsabilidades políticas. Xusto cando en Europa o autor, os artistas, comezaban a se liberar definitivamente das pexas de protectores, amos e mecenas, o escritor galego nace con obrigas e tamén sometido a unhas "regras da arte" derivadas da ideoloxía mesma que facía posíbel a existencia do campo cultural e literario.
Como fixeron escritores e artistas para iren creando unha cerna importante de campo, de autonomía e de valores literarios? Neste libro reflexiónase sobre a relación en certo modo contraditoria entre ideoloxía, acción e autonomía da arte e trátase de analizar algunhas das solucións que o campo literario deu a este problema en dous momentos de renovación da súa historia: no contexto da xeración Nós e no contexto dramático do rexurdir da literatura galega baixo o franquismo da posguerra. Alén diso, trátase de demostrar como o escritor galego pode, sen renunciar ás leis literarias nin perder liberdade, utilizar o seu poder simbólico, como fixo Zola, e intervir no mundo social. O rol de escritores e artistas fronte á desfeita do "Prestige", ou ultimamente na defensa da lingua, mostrou moi claramente a súa forza social. Mais este poder simbólico, esta forza social só se consegue acadando primeiro a autonomía artística ao defender, fronte a todas as regras do poder, as regras da arte xeradas no campo literario