As medidas adoptadas nos primeiros tres anos de goberno do PP en Galiza (redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no acceso aos servizos, limitación dos recursos destinados a investigación e formación profesional...) están enmarcadas nunha corrente ultraliberal e motivadas pola mesma estratexia: a precarización dos servizos sanitarios públicos e a definición de espazos de negocio (a construción e xestión dos centros sanitarios, o control da tecnoloxía sanitaria, etc.) que permitan a grupos empresariais afíns apropiarse dunha parte importante dos orzamentos públicos.
Neste libro presentamos un conxunto de textos de carácter divulgativo, dirixidos a un público non profesional, coa pretensión de describir e analizar as decisións políticas levadas a cabo polo PP no terreo sanitario desde que, no ano 2009, ocupou o poder na Xunta de Galicia.
Trátase dunha achega seria, documentada e rigorosa, mais non imparcial; pretendemos achegar argumentos e análises que sexan útiles -aos cidadáns e ás organizacións políticas, sindicais e profesionais- para comprender as estratexias postas en marcha desde a Xunta de Galicia no terreo sanitario e o grave risco que representan para o futuro inmediato da sanidade pública.
Este libro poderá ser útil, tamén, ás plataformas para a defensa da sanidade pública que, nos últimos tempos, están traballando en toda a xeografía galega para evitar o desmantelamento dos servizos públicos, elementos clave do estado do benestar.